Nos últimos meses, o IES San Clemente tivo a oportunidade de continuar fortalecendo a súa proxección internacional a través dunha nova mobilidade no marco do programa Erasmus+.
Nesta ocasión, durante a semana do 11 ao 15 de maio recibimos a visita do Agrupamento Escolar Carlos Amarante da cidade de Braga (Portugal), que participou cun grupo formado por 10 alumnos e 4 profesoras. Durante a súa estancia, o alumnado visitante integrouse nas actividades do centro, participando en sesións de carácter cultural e lingüístico, ao tempo que puideron coñecer de primeira man a oferta de formación técnica do noso instituto. Ademais, dúas das profesoras realizaron unha aprendizaxe por observación, visitando aulas de idiomas e aulas impartidas con metodoloxía AICLE.
O obxectivo principal desta mobilidade foi proporcionar ao alumnado unha visión máis ampla das posibilidades formativas e profesionais, contribuíndo así á súa orientación académica futura. Ademais, a experiencia favoreceu o intercambio cultural e o desenvolvemento de competencias lingüísticas, sociais e interculturais tanto no alumnado visitante como no noso propio alumnado.
Este tipo de iniciativas continúan consolidando os lazos de colaboración con centros educativos portugueses, reforzando o compromiso do IES San Clemente coa internacionalización e coa formación integral do seu alumnado.




