• ?
  • Rexistro

Historia

O Centro data de mediados do século XX e intégrase perfectamente no casco antigo da cidade. A historia do Centro vén ligada á formación no traballo.

A historia do noso IES remóntase ao ano 1948, cando unha viúva compostelá doa uns terreos situados no campo de San Clemente á Igrexa, coa finalidade de que neles se construíse un centro para acoller os nenos pobres da cidade e proporcionarlles uns coñecementos profesionais que lles permitisen no futuro desempeñar un oficio. A doazón realizouse por motivos píos e a Igrexa tutelou o desenvolvemento das obras de edificación a través de D. Fernando Quiroga Palacios.

Aínda que o edificio puido estar rematado antes, as súas actividades non comezaron ata o ano 1953 que, curiosamente, coincide tamén co momento en que o Papa Pío XII designa cardeal a Don Fernando Quiroga Palacios.

A historia vén demostrar que o centro sempre estivo vinculado a ensinanzas profesionais: foi escola de traballo, escola de artes, escola de mestría industrial, centro de formación profesional…; non foi ata a última década do século XX cando, coa reforma educativa formulada na LOXSE, pasou a denominarse IES e, xa no século XXI, se introduciron as ensinanzas non estritamente profesionais.

O edificio forma parte, estrutural e arquitectonicamente, do conxunto histórico da cidade. Está distribuído en tres plantas e un soto; posúe seis aulas de informática, cinco aulas para ESA e BAC (adultos), unha sala de usos múltiples (vídeo, conferencias, etc.), un laboratorio, unha biblioteca e outras dependencias dedicadas á administración e servizos.

O centro sempre foi de titularidade pública e, polo tanto, depende da Consellería de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia.