Estadía profesional nos Azores para reforzar os intercambios lingüísticos e culturais

Na segunda metade de marzo, Carlos Callón, profesor de Portugués no IES San Clemente, realizou unha estadía profesional na Escola Secundária Vitorino Nemésio (Praia da Vitória, Azores), concedida polo Ministerio de Educación, co obxectivo de reforzar coñecementos e promover intercambios lingüísticos e culturais no ámbito galego-portugués.

Ao longo de dúas semanas, desenvolveu tarefas de observación de aulas e intercambio profesional, con especial atención a Portugués e Ciencias Sociais, para incorporar un ollar comparado sobre prácticas didácticas, organización do traballo e enfoques vinculados á lingua, á cultura e á historia compartida.

Un dos puntos de maior interese foi a coincidencia entre ambos os centros: tanto a Escola Secundária Vitorino Nemésio como o IES San Clemente contan con ensino a distancia. Isto permitiu coñecer de preto o modelo de ensino mediatizado nos Azores e abrir unha vía de colaboración para compartir estratexias de titorización, deseño de materiais, avaliación e acompañamento do alumnado en contextos non sempre presenciais.

De maneira complementaria, a estadía incluíu a participación nalgúns espazos e actividades do centro, como iniciativas da biblioteca escolar e accións relacionadas coa educación ambiental, que axudan a comprender como se constrúe comunidade educativa máis alá da aula.

A valoración é moi positiva e deixa aprendizaxes transferíbeis, ao tempo que impulsa novas posibilidades de colaboración arredor da formación lingüística e cultural e do desenvolvemento de modelos sólidos de ensino a distancia.