• ?
  • Rexistro

A Lingua Inglesa nos Ciclos de Informática – Curso 2021/22

careers and jobs

O alumnado dos ciclos PluriFP en lingua inglesa, DAM e DAW en réxime ordinario, tiveron a oportunidade de asistir a dúas horas semanais de clases de inglés impartidas por profesorado nativo e con ampla experiencia no ensino desta lingua e na preparación das probas oficiais de certificación. O alumnado de seccións bilingües en inglés (segundos de ASIR e DAW en réxime ordinario) recibiu unha hora semanal de clase desta lingua.

Asimesmo recibiron unha axuda económica para a inscrición nos exames oficiais. Pódese consultar aquí toda a información relativa a estas axudas.

Conscientes da importancia da acreditación en Linguas Estranxeiras do alumnado de ciclos para acadar un mellor futuro profesional, o profesorado de Inglés ten como obxectivo número 1 nas clases de Inglés preparar a alumnado para as probas de certificación no idioma.  Queremos que, cando o alumno acabe o ciclo formativo, leve tamén consigo a certificación en Inglés. Este é e vai seguir sendo o noso reto para os vindeiros cursos e agardamos que nos axudedes a conseguilo.

O noso alumnado de ciclos puido inscribirse nas probas de certificación de B1, B2 ou C1 na EOI, na Casa das Linguas ou no Centro Británico.

Un total de 5 alumnos presentáronse ao nivel C1 na EOI de Santiago no mes de Febreiro e 1 alumno presentouse máis adiante, no mes de Marzo, no Centro Británico para obter a certificación CAE (Cambridge Advanced Exam) correspondente ao nivel C1 de Certificación Cambridge. Tres alumnos máis teñen intención de presentarse, no mes de Xuño, ás probas de certificación. Un deles presentarase ao CAE (Cambridge Advanced Exam – C1) no Centro Británico e os outros dous teñen intención de presentarse as probas de certificación na Casa das Linguas e así obter a certificación B2 Oxford Test of English (OTE). Esperamos que se presente máis alumnado ás probas oficiais en setembro, sobre todo o que realizará estadías Erasmus+ no estranxeiro durante o verán.

Contamos coa colaboración de David Fernando Fernández, dos Estados Unidos. Invitámosvos a ler o artigo que publicou na nosa web. A súa experiencia  este ano con nós foi máis que boa e satisfactoria. O noso auxiliar colaborou activamente en múltiples actividades no centro tales como: proxectos europeos (eTwinning e Erasmus+), clases de conversa, revisión de materiais didácticos para o profesorado e tradución de documentos de centro. Non vai poder repetir para outro ano máis no San Clemente pero, sexa como for, desexámoslle o mellor e estaremos en contacto.

O IES San Clemente participa en proxectos europeos a través dos programas eTwinning e Erasmus+.

O programa eTwinning permite a realización de proxectos nos que participa alumnado de centros de secundaria de distintos países da Unión Europea. Moitas veces a lingua utilizada é o inglés.

Grazas á participación no programa Erasmus+, o alumnado pode realizar prácticas curriculares e extra curriculares noutros países da Unión Europea. Despois do parón que supuxo a pandemia o curso pasado, este curso o noso alumnado volve a ter a oportunidade de realizar a fase  de prácticas en países da UE para o cal é fundamental o dominio da lingua inglesa.