
TARDIÑAS DE PORTAS ABERTAS NO SAN CLEMENTE
O IES San Clemente, no corazón de Compostela, inicia un ciclo de encontros co nome de “Tardiñas de portas abertas”, un espazo onde a nosa comunidade educativa deixará voar o seu saber fóra das aulas, nun diálogo compartido coa cidade.
A primeira desas tardiñas terá lugar a segunda feira (luns) 13 de abril ás 19h cunha conferencia do profesor Fernando Lojo, titulada “Andar por casa. A arquitectura galega que quixo ser moderna”, sobre a arquitectura galega de finais do século XIX e primeira metade do 20.
Para acompañar este inicio, convócase o seguinte
CONCURSO DE DESEÑO DO CARTEL PARA O ACTO
1 Obxecto do concurso:
O propósito deste premio é seleccionar o cartel oficial para anunciar a primeira sesión das Tardiñas de Portas Abertas. O cartaz gañador será utilizado nas diferentes canles de difusión do IES San Clemente.
2 Participantes:
O concurso está dirixido ao alumnado do IES San Clemente, en calquera das súas modalidades, tanto de forma individual como en grupo (máximo de 3 persoas por equipo).
3 Requisitos do deseño:
O cartaz deberá ser orixinal e inédito. O formato de presentación será en ficheiro dixital (JPEG ou PNG), cunha resolución mínima de 300 ppp.
Debe incluír obrigatoriamente:
– O título da conferencia: Andar por casa. A arquitectura galega que quixo ser moderna.
– O nome do relator: Fernando Lojo.
– A data e a hora do acto: 13 de abril ás 19h.
– Lugar: Salón de actos do IES San Clemente.
– Referencia ao ciclo: Tardiñas de portas abertas no San Clemente.
4 Prazo de presentación
Os traballos deberán enviarse antes do 23 de marzo ao correo electrónico edlg@iessanclemente.net. No asunto deberá indicarse: “Concurso Tardiñas de Portas Abertas”.
5 Documentación a presentar:
Ficheiro do cartel en formato dixital.
Nome completo e curso da/s persoa/s participante/s.
6 Xurado:
O xurado estará composto por membros da comunidade educativa do IES San Clemente. A súa decisión será inapelábel.
7 Premio:
Vale de 60 €.
Publicación e difusión oficial do cartel como imaxe promocional do acto.
8 Ditame do xurado:
Os resultados publicaranse na páxina web do IES San Clemente e comunicaranse ao alumnado gañador por correo electrónico.
9 Condicións xerais:
O cartaz gañador será propiedade do IES San Clemente, que terá plenos dereitos para o seu uso, reprodución e difusión. Antes da súa publicación definitiva, deberán incorporarse ao cartel os logotipos institucionais correspondentes.
A participación no concurso implica a aceptación total destas bases.




