
Compostela: máis de mil anos en galego, e só é o comezo
O IES San Clemente, dentro do seu proxecto anual O galego fainos fortes, en colaboración co Concello de Santiago de Compostela, o CIFP Compostela, o IES A Pontepedriña, o IES Antonio Fraguas, o IES Eduardo Pondal, o IES do Sar, o IES Rosalía de Castro e A Mesa pola Normalización Lingüística, convoca o premio de vídeos publicitarios para empresas da cidade baixo o lema Galeguizar é multiplicar. Está dirixido ao estudantado, co obxectivo de visibilizar e promover o uso do galego no ámbito empresarial e social a través da creación audiovisual.
1. Obxecto da convocatoria
Promover a creación de vídeos publicitarios sobre empresas de Santiago de Compostela que empreguen o galego, difundindo así boas prácticas de normalización lingüística e amosando, na práctica, que “Galeguizar é multiplicar”.
2. Persoas destinatarias
Poderá participar alumnado de ensino secundario, bacharelato, ciclos formativos ou estudos equivalentes, de calquera centro educativo.
3. Empresas escollidas
Os vídeos deberán centrarse en empresas de Compostela que sexan parte dalgunha destas redes:
- Galego Empresas, do Concello de Santiago de Compostela:
https://galegoempresas.santiagodecompostela.gal/ - Abertos ao Galego, da Mesa pola Normalización Lingüística:
https://www.amesa.gal/abertos-ao-galego/
As empresas poden incorporarse a estas redes en calquera momento. Para seren válidas, deberán estar inscritas nalgunha delas ou en ambas antes do feche do prazo de participación.
4. Características dos vídeos
- O vídeo terá que ser publicitario.
- Poderá elaborarse en calquera formato ou técnica audiovisual (gravación, animación, stop-motion etc).
- O galego será a lingua de uso principal.
- O vídeo deberá ser publicado polo equipo participante en calquera rede social aberta (YouTube, Instagram, TikTok, etc.), cunha configuración accesíbel ao público xeral e deberá conter subtítulos sincronizados.
- A súa duración será de acordo co habitual na creación publicitaria. En calquera caso, non excederá nunca dos 2 minutos.
- Recoméndase empregar os cancelos:
#GaleguizarÉMultiplicar e #OGalegoFainosFortes.
5. Envío das propostas
As persoas participantes deberán enviar un correo electrónico a edlg@iessanclemente.net cos seguintes datos:
- Nomes completos das persoas participantes.
- Centro educativo, curso e nivel de estudos.
- Ligazón(s) directa(s) ao vídeo publicado na rede social.
- Empresa protagonista do vídeo.
- Rede(s) de empresas galeguizadas en que se encontra esa empresa (GalegoEmpresas e/ou Abertos ao Galego).
6. Prazo
O prazo para presentar os vídeos comeza o 23 de febreiro, aniversario do nacemento en terras compostelás de Rosalía de Castro, e finaliza o 10 de abril, aniversario do nacemento na cidade do comerciante Manuel Beiras. Non se admitirán propostas enviadas fóra de prazo.
7. Categorías e premios
Outorgaranse oito categorías, con cadanseu premio de 100 € en vales. Un mesmo vídeo poderá recibir como máximo tres premios.
As categorías son:
- Máis divertido.
- Máis creativo.
- Máis colaborativo.
- Mellor realización técnica.
- Mellor guión.
- Mellor interpretación.
- Mellor uso da lingua.- Valorarase tanto a corrección como a riqueza expresiva.
- Premio do público. – Segundo o número de interaccións nas redes sociais.
8. Xurado
O xurado estará formado por representantes do instituto convocante e do CIFP Compostela, o IES A Pontepedriña, o IES Antonio Fraguas, o IES Eduardo Pondal, o IES Rosalía de Castro e o IES do Sar, colaboradores coa iniciativa, así como da Mesa pola Normalización Lingüística e do Concello de Santiago de Compostela. O xurado estabelecerá os seus criterios de valoración e a súa decisión será inapelábel.
9. Aceptación das bases
A participación neste premio implica a plena aceptación destas bases. O IES San Clemente resérvase o dereito de adaptar os vídeos recibidos para a súa difusión en actos de promoción da lingua galega, sempre respectando a autoría.




