
Concurso de Poesía Escurecida
VERSOS DESDE BEGOÑA
1 Obxecto e finalidade
O Día das Letras Galegas de 2026 dedícase a Begoña Caamaño, autora que renovou a narrativa galega cunha voz singular e comprometida. Para esta celebración nacional, o IES San Clemente propón un concurso creativo que nos permita redescubrir, doutro xeito, a beleza das súas palabras. Nesta ocasión, queremos que nazan versos desde a súa narración, a través da técnica da poesía escurecida (blackout poetry).
Convidamos a escoller unha páxina das obras Circe ou o pracer do azul ou Morgana en esmelle e aplicar nela esta técnica: resaltar as palabras que desexes conservar e escurecer as demais, creando así un novo texto poético a partir do orixinal. Como no seguinte:
Esta iniciativa parte do Departamento de Lingua Galega e Literatura e do EDLG do IES San Clemente, dentro do proxecto anual “O galego fainos fortes”, e mantén a continuidade coa longa tradición de premios de creación literaria realizados desde este centro no corazón de Compostela.
2 Categorías de participación
A Estudantes de secundaria de calquera lugar do mundo.
B Persoas de calquera idade de calquera lugar do mundo.
C Estudantes do IES San Clemente, en calquera das súas modalidades.
3 Formato da obra
Cada creación poética debe basearse nunha páxina dunha obra de Begoña Caamaño.
As obras entregaranse obrigatoriamente en formato dixital, resaltando as palabras ou frases seleccionadas e escurecendo o resto.
As creacións deben ser orixinas e inéditas. Cada participante poderá presentar unha única obra.
Valoraranse a creatividade, a estética e a coherencia da obra que se entregue.
4 Prazo de entrega
As obras presentaranse até o 29 de xaneiro de 2026.
Enviaranse por correo electrónico a: edlg@iessanclemente.net, con indicación do nome da autora e do autor, da categoría en que participa e, no caso de que sexa estudante, cal é o seu curso e centro de ensino. Ademais, tamén deberán indicar a que obra de Begoña Caamaño pertence a páxina seleccionada para a súa creación.
5 Premios
Entregaranse dous premios por cada categoría de participación:
1º Premio: Vale de 100 euros para compra de libros en galego.
2º Premio: Vale de 75 euros para compra de libros en galego.
Ademais das obras galardoadas, poderán seleccionarse outras para a súa difusión a través das redes sociais e outras publicacións do IES San Clemente.
6 Aceptación das bases
A participación no concurso implica a aceptación destas bases e o recoñecemento do fallo do xurado.





