
O Equipo de Dinamización da Lingua Galega do IES San Clemente de Santiago de Compostela convoca o 16º CONCURSO DE FELICITACIÓNS DE ANO NOVO, nesta ocasión encadrado no proxecto O galego fainos fortes, que o centro está a desenvolver durante o curso 2025-26.
QUEN PODE PARTICIPAR?
Poderá participar todo o alumnado do centro así como todo o alumnado doutros institutos.
QUE CARACTERÍSTICAS DEBEN TER AS POSTAIS?
Debe figurar o lema O galego fainos fortes. Feliz 2026!
A técnica e o deseño das felicitacións serán libres. Valorarase a presenza na felicitación de personaxes ou tradicións galegas do Nadal (por exemplo, o Apalpador, o Tizón de Nadal, os cantos das xaneiras / de aninovo etc).
Os traballos, elaborados en tamaño A5 (1754x2480px), deben ser dixitalizados e presentados en formato PNG con resolución 300dpi.
Será condición indispensábel que estas creacións sexan orixinais (non poden ser usadas imaxes doutra autoría) e inéditas.
COMO PARTICIPAR?
É preciso para a participación no concurso envialos ao enderezo electrónico edlg@iessanclemente.net xunto cos datos persoais da autora ou autor antes do final do prazo de admisión.
O prazo de admisión finalizará o 9 de decembro.
CALES SON OS PREMIOS?
O máis importante, para todas as persoas que participen, é gañar un tesouro: darlle máis forza á nosa lingua e cultura a través da creatividade propia.
Ademais, seleccionaranse tres postais, que recibirán un primeiro premio cun vale por 100 €, un segundo de 75 € e un terceiro de 50 €.
COMO SE ESCOLLEN?
A selección realizaraa un xurado que estará composto por membros da comunidade educativa do IES San Clemente. A súa decisión será inapelábel. A participación no concurso supón a aceptación destas bases.
COMO VOARÁN AS POSTAIS?
Os traballos premiados publicaranse na web do centro. Este poderá realizar tamén unha exposición virtual das postais presentadas ao concurso e poderá utilizar a galardoada co 1º premio para enviar como felicitación.




