Durante o curso 2024-2025, o Equipo de Dinamización da Lingua Galega (EDLG) do IES San Clemente desenvolveu o proxecto “Escollemos Galego”, unha proposta dirixida a fomentar o uso da nosa lingua propia na vida académica, social e dixital do centro, mediante accións innovadoras, creativas e participativas.
A iniciativa combinou actividades culturais, tecnolóxicas e creativas: convocáronse concursos literarios innovadores, de deseño gráfico e de creación de contidos dixitais, organizáronse obradoiros sobre ferramentas TIC (aínda que, neste punto en concreto, tiveron que ser cancelados por problemas de calendario) e impulsouse a participación tanto dentro do noso centro como facendo rede con outros centros do país. Os obxectivos principais foron incrementar a visibilidade e uso do galego, sensibilizar sobre o seu valor no mundo dixital e profesional, e consolidar a súa presenza como lingua de futuro.
O proxecto destacou polo seu enfoque interdisciplinario, coa implicación de profesorado de múltiplos departamentos, a participación activa do alumnado e a colaboración con outras entidades e centros galegos. A súa difusión realizouse a través das redes sociais, a web do centro, medios de comunicación e a revista escolar Rumbo nº 10, o que garantiu un impacto real dentro e fóra da nosa comunidade educativa.
Este proxecto foi seleccionado e recoñecido coa consideración de excelente pola Secretaría Xeral da Lingua e a Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa.