Durante a pasada semana, o profesor de Portugués do noso centro, Carlos Callón, participou nunha mobilidade Erasmus na empresa Securitas Direct Portugal, situada en Algés. Esta estadía de formación permitiulle coñecer de primeira man o funcionamento interno dunha empresa internacional e estabelecer contactos profesionais que reforzan o vínculo entre o ensino e o mundo laboral, un dos eixos estratéxicos do IES San Clemente.
Os obxectivos principais da mobilidade foron o perfeccionamento das competencias lingüísticas en portugués nun contexto profesional real, o intercambio de boas prácticas nos respectivos ámbitos e o fortalecemento das relacións de colaboración de cara a futuras accións conxuntas. Ao mesmo tempo, esta experiencia contribuíu a afondar nos lazos culturais e profesionais entre Galiza e Portugal, favorecendo unha cooperación transfronteiriza máis sólida e continua.
Entre as actividades desenvolvidas destacaron as reunións co equipo directivo de recursos humanos, a observación e análise da estrutura organizativa da empresa, así como a exploración de novas vías de colaboración internacional. Ademais, a estadía completouse cun programa de carácter cultural e educativo, como un acto realizado na Faculdade de Letras da Universidade de Lisboa e as visitas ao Museu da Cidade, ao Centro de Arte Moderna da Fundação Gulbenkian etc.
Este tipo de iniciativas consolidan o compromiso do IES San Clemente coa internacionalización do ensino e coa formación continua do seu profesorado, abrindo camiños de cooperación e aprendizaxe alén das aulas.