• ?
  • Rexistro

A lingua inglesa nos Ciclos de Informática no curso 2019/20

A lingua inglesa está a ter unha presencia moi relevante nos ciclos formativos que impartimos no San Clemente. Describimos a continuación algunhas das actividades realizadas ó longo do curso 2019/20.

Seccións Bilingües en INGLÉS no curso 2019/20:

Módulos impartidos en inglés e galego denominados «Seccións Bilingües en Inglés»:

  • Desenvolvemento web en contorno servidor (Ciclo Superior de DAW en réxime Ordinario) co profesor Rafael Veiga.
  • Servizos de rede e Internet (Ciclo Superior de ASIR en réxime Ordinario) co profesor Bruno Vila.
  • Programación Multimedia e Dispositivos Móbiles (Ciclo Superior DAM Ordinario) co profesor Carlos Carrión.
  • Acceso a Datos (Ciclo Superior de DAM Ordinario) coa profesora Eva Pereira.

Novo Ciclo Plurilingüe en INGLÉS no curso 2019/20:

1º DAM foi o primeiro ciclo plurilingüe en Inglés no IES San Clemente. Disfrutou de dúas sesións semanais de reforzo na lingua inglesa co noso profesorado de Inglés e o apoio do AdC, Jason Schaefer na aula. Igualmente participou en diversas actividades formativas complementarias ao longo do curso.

Clases de lingua estranxeira 

Foron impartidas polos membros do Departamento de Inglés:

Profesora Raquel Tarrio Vázquez

Profesora Raquel Rodríguez Blanco

Auxiliar de Conversa Jason Schaefer

Os grupos de alumnado dos seguintes cursos referidos a continuación tiveron unha hora de clase de inglés semanal integrada no seu horario lectivo agás o Ciclo Plurilingüe 1º DAM que contou con dúas horas, impartidas polo profesorado do Departamento de Inglés e que contou coa colaboración de Jason Schaefer, o noso Auxiliar de Conversa de EEUU:

  1. Segundo curso de Administración de Sistemas Informáticos en Rede, réxime ordinario.
  2. Primeiro curso de Desenvolvemento de Aplicacións Multiplataforma, réxime ordinario.
  3. Primeiro curso de Desenvolvemento de Aplicacións Web DUAL, réxime ordinario.
  4. Segundo curso de Desenvolvemento de Aplicacións Multiplataforma, réxime ordinario.
  5. Segundo curso de Desenvolvemento de Aplicacións Web , réxime ordinario.

Proba de nivel

O mércores 18 de decembro realizamos no centro as probas correspondentes aos tres niveis B1, B2 e C1 do Marco Común Europeo de Referencia para as Linguas (MECRL). Dos 49 alumnas e alumnos apuntados presentaronse 35.

O alumnado recibeu o informe individualizado dos seus resultados nas distintas probas e as recomendacións específicas para mellorar na preparación das mesmas ao longo do curso.

O Ciclo Plurilingüe 1º DAM contou cun mes de preparación para participar nas probas de avaliación lingüística en Inglés [niveis do MCER B1 (ISE I) – B2 (ISE II) – C1 (ISE III)] realizadas polo TRINITY COLLEGE LONDON no mes de febreiro e cuxa organización depende da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional. Dos 14 alumnos e alumnas presentados ás probas, oito conseguiron a acreditación. A nosa felicitación para todos eles. Parabéns!! Obxectivo conseguido!!

Animamos ao alumnado dos ciclos Plurilingües e dos ciclos coas Seccións Bilingües a preparar as probas de certificación de Inglés asistindo, sen falta, ás clases de Inglés durante o curso.

Conscientes da importancia da acreditación en Linguas Estranxeiras do alumnado de ciclos para acadar un mellor futuro profesional, o profesorado de Inglés terá como obxectivo número 1 nas clases de Inglés preparar a alumnado para as probas de certificación no idioma.  Queremos que, cando o alumno acabe o ciclo formativo, leve tamén consigo a certificación en Inglés. Este é o noso reto para os vindeiros cursos e agardamos que nos axudedes a conseguilo.

Auxiliar de Conversa

Contamos coa colaboración da AdC, Jason Schaefer, dos Estados Unidos. Este é o primeiro ano que traballa con nós e tamén a súa primeira experiencia co alumnado de ciclos formativos.
Como puidéchedes ler na súa publicación na web do San Clemente, a súa experiencia con nós foi máis que boa e satisfactoria. O noso auxiliar colaborou activamente en múltiples actividades no centro tales como: proxectos europeos (eTwinning e Erasmus+), clases de conversa, revisión de materiais didácticos para o profesorado, tradución de documentos de centro e publicación de artigos na web do centro. Estamos de sorte pois xa sabemos que imos contar con Jason o curso que vén.

Programas Europeos e realización de prácticas no estranxeiro

O IES San Clemente participa en proxectos europeos a través dos programas eTwinning e Erasmus+.
O programa eTwinning permite a realización de proxectos nos que participa alumnado de centros de secundaria de distintos países da Unión Europea. Moitas veces a lingua utilizada é o inglés.

Grazas á participación no programa Erasmus+, os alumnos poden realizar prácticas curriculares e extracurriculares noutros países da Unión Europea. Ó longo deste curso houbo alumnos que realizaron prácticas en países tales como Irlanda e Reino Unido, o que lles permitiu non só coñecer como se vive e se traballa noutro país senón tamén mellorar o seu dominio da lingua inglesa.

Os membros do Departamento de Inglés e o equipo de profesores e profesoras integrantes das Seccións Bilingües e Ciclo Plurilingüe en Inglés agradecemos o voso traballo e implicación neste curso interrompido pola Covid-19.

Parabéns polos resultados obtidos!