• ?
  • Rexistro

Exames finais do Bacharelato

A Circular 5/2019, da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, que regula as ensinanzas de bacharelato para persoas adultas nas modalidades presencial e a distancia, establece o carácter presencial das probas de avaliación que teñan lugar durante o curso.

Como consecuencia da situación sanitaria, a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa publicou unhas Instrucións con data de 27 de abril de 2020, para o desenvolvemento do terceiro trimestre do curso académico 2019/20, nos centros docentes da Comunidade Autónoma de Galicia. Nelas indícase a necesidade de que os centros e o profesorado adapten o sistema de avaliación do alumnado e admítese a posibilidade de substituír as probas presenciais por probas telemáticas.

Por outra parte, o venres 15 de maio, o Ministerio de Educación y Formación Profesional publicou unhas medidas para a reapertura parcial dos centros educativos no curso 2019/20, nas que se permite a incorporación voluntaria, a partir da Fase-2, do alumnado de 2º curso de bacharelato e ciclos de formación profesional, pero descártanse as actividades grupais ou eventos no interior dos centros educativos.

Polo tanto, en relación cos exames finais ordinarios do bacharelato a distancia do IES San Clemente, adóptanse as seguintes medidas:

  • O alumnado que superou as dúas primeiras avaliacións dunha materia de bacharelato, tena aprobada. O alumnado que teña unha avaliación superada e a outra suspensa, deberá ver os criterios concretos de cualificación de cada materia. Pode consultalos na aula virtual respectiva.
  • Todo o alumnado, teña que facer ou non o exame final de recuperación, pode optar a mellorar a nota final presentándose ao exame dos contidos da 3ª avaliación.
  • Os exames de recuperación da 1ª e da 2ª avaliación, así como o exame opcional sobre os contidos da 3ª avaliación, terán lugar de forma telemática durante a primeira semana de xuño. A duración máxima das probas de cada materia será de 90 minutos. A franxa horaria na que se desenvolverán os exames de cada materia figura no calendario anexo. Non é posible mover de data ou de hora os exames.
  • Dentro da aula virtual de cada materia respectiva ofrecerase máis información sobre o formato e sobre os contidos da proba ou probas de que constará o seu exame.
  • As probas telemáticas desenvolveranse a través da aula virtual. Para facelas será suficiente cun ordenador ou teléfono móbil con conexión a Internet.
  • Para a realización dos exames, será imprescindible responder antes do sábado 23 ao cuestionario que recibirá a través da aula virtual.
  • Durante o desenvolvemento da proba poderá solicitarse información ao alumno ou á alumna para verificar a súa identidade.
  • Nas vindeiras datas farase un simulacro de exame en cada unha das materias. Este exercicio non contará para nota, pero é importante facelo para coñecer o funcionamento da plataforma de exames e verificar que se dispón das capacidades técnicas para levalos a cabo.

A comezos de setembro terá lugar a convocatoria final extraordinaria, tando de 1º como de 2º de bacharelato. O seu formato e calendario decidirase posteriormente.

A dirección do IES San Clemente

Calendario exames finais bacharelato xuño 2020