• ?
  • Rexistro

Sánchez Piñón salienta que as ensinanzas para adultos son fundamentais no fomento da educación postobrigatoria

Destacou o esforzo continuado deste centro pola mellora da calidade, así como a aposta pola innovación e as novas tecnoloxías que realiza

Sánchez Piñón salienta que as ensinanzas para adultos son fundamentais no fomento da educación postobrigatoria

Santiago, 30 de setembro de 2008.- A conselleira de Educación e Ordenación Universitaria, Laura Sánchez Piñón, sinalou que a educación para adultos convértese nunha oportunidade para fomentar a educación postobrigatoria, ao permitir a aqueles adultos que non dispoñen dun título obter unha certificación e mellorar deste xeito a súa formación e posibilidades de emprego. A máxima responsable do departamento educativo galego inaugurou esta mañá no Instituto de Educación Secundaria (IES) San Clemente de Santiago de Compostela o curso académico 2008-2009 na Formación Profesional. Este acto inaugural tamén contou coa asistencia do director xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais, Antonio Vázquez, e da directora do centro, Mª del Carmen Viñas Álvarez.

En relación ao fomento das ensinanzas postobrigatorias, a conselleira de Educación e Ordenación Universitaria salientou que segundo os datos da OCDE, cando se engade un ano máis á media de anos de escolarización, o PIB per cápita increméntase entre un 4 e un 6 por cento. Neste senso, Sánchez Piñón puxo como exemplo a Irlanda e Finlandia, que nas últimas décadas deron un salto económico fundamentado na educación e na innovación.

Laura Sánchez Piñón destacou que a Formación Profesional é outra das vías para incrementar o número de estudantes que realizan estudos postobrigatorios. Así, a máxima responsable do departamento educativo galego sinalou que España está lonxe da media europea no número de alumnos que se decantan pola Formación Profesional, cun 35%, fronte a países como Reino Unido, con preto do 70%.

Durante a súa visita, Laura Sánchez Piñón percorreu as dependencias do IES San Clemente, o único de Galicia que ofrece a modalidade de bacharelato por medio telemático. Deste xeito, ademais dos 500 alumnos e alumnas presenciais, o centro ofrece formación a distancia a 3.500 estudantes. Así mesmo, o IES oferta Educación Secundaria para Adultos e conta cun Aula Mentor.

Laura Sánchez Piñón salientou o exemplo deste centro, que aposta pola innovación e as novas tecnoloxías, e subliñou o seu “esforzo continuado pola mellora da calidade, grazas ao traballo do equipo directivo, o profesorado e o alumnado”.

Segundo as estimacións da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, un total de 27.148 cursan ensinanzas de Formación Profesional este ano académico. Entre as principais novidades está a implantación de 6 novos títulos, 4 de grao medio (técnico en emerxencias sanitarias, mecanizado, cociña e gastronomía e panadería, repostaría e confitería); e 2 de grao superior (técnico superior en educación infantil e técnico superior en laboratorio de análise e de control da calidade).

Así mesmo, este ano académico ponse en práctica o II Plan Galego de Formación Profesional, realizado conxuntamente entre as Consellerías de Educación e de Traballo, que se destina a preto de 1,3 millóns de estudantes, traballadores e profesorado galego, e que ten como obxectivo a formación de profesionais que compitan en igualdade de condicións dentro de Europa e no mercado mundial. Ademais, o plan persegue a adecuación da oferta formativa ás demandas do mercado laboral, a aplicación das novas tecnoloxías e a implicación do sector empresarial.