Declaración de política Erasmus incluído na solicitude de Carta Erasmus

A estratexia internacional do centro en proxectos de mobilidade está directamente relacionada cos ciclos Estrela PluriFP consolidados e de futura implantación. As linguas utilizadas para tal fin son:

  • Portugués, por ser unha lingua próxima, o que favorece a súa rápida adquisición, utilizada en Portugal (país veciño, ao que se poden organizar facilmente visitas formativas, FCT, etc.), no Brasil (país cun mercado en auxe, con grandes oportunidades para o sector TIC galego) e en Angola.

  • Inglés, por ser na actualidade a lingua franca para comunicarse en calquera ámbito, tanto de tipo académico como profesional e/ou laboral, especialmente na rama da informática, onde é case exclusivamente a lingua vehicular. O coñecemento do inglés facilita a mobilidade a países cunha forte implantación da industria informática, como poden ser Irlanda ou Inglaterra.

Así pois, as áreas xeográficas de preferencia son Portugal e Irlanda, podendo ampliar ao Reino Unido, Alemaña e, en xeral, a calquera país europeo onde haxa garantías dunha boa experiencia en empresas do sector informático.

O centro conta cunha ampla experiencia en proxectos de mobilidade, tendo enviado alumnado a empresas de Portugal, Irlanda, Reino Unido, Italia e Alemaña. Dispón de varios socios de acollida (empresas) de confianza aos que envía alumnado cada ano. Así mesmo, ten socios intermediarios (centros educativos) que realizan as súas funcións con garantía de éxito e poden buscar novas empresas para o alumnado.

Obxectivos principais:

  • Mellorar a competencia lingüística en lingua estranxeira.

  • Ampliar as posibilidades de traballo en/con empresas estranxeiras.

  • Facilitar a mobilidade do alumnado na FCT e na súa posterior vida laboral.

  • Adquirir un sentimento de pertenza á Unión Europea.

  • Aumentar o atractivo dos ciclos de FP.

  • Coñecer os sistemas educativos doutros países en relación á FP informática.

A estadía formativa no estranxeiro forma parte integral da formación dos participantes e consta como a totalidade da FCT. Tamén se realizan prácticas extracurriculares, de recentemente titulado e job shadowing.

Os proxectos de mobilidade están dirixidos a todo o alumnado e profesorado de Formación Profesional do centro.