O próximo mércores día 8 de xullo ás 11:00 celebrarase o acto de entrega de premios do HPE CDS Tech Challenge no IES San Clemente.
A final internacional do HPE CDS Tech Challenge tivo lugar a fin de semana do 25 e 26 de abril con equipos de España, México e Colombia. O reto consistiu en desenvolver solucións tecnolóxicas para algúns dos grandes desafíos urbanos usando tecnoloxías como a intelixencia artificial, a análise de datos e a computación avanzada.
Por primeira vez na historia do HPE CDS Tech Challenge, o equipo ganador estivo formado por estudantes de Formación Profesional. Trátase do equipo “Tres días de gracia” composto polo alumno do centro Gonzalo Cordeiro Mourelle, e os ex-alumnos Andrés Daparte Cabo e Ezequiel Soto Seoane, que se coñeceron cando estudaban o ciclo superior de Desenvolvemento de Aplicacións Web no IES San Clemente e estiveron acompañados na final pola profesora Cristina París.
A solución que presentaron consistiu nunha plataforma integral de xestión de Xemelgos Dixitais para vehículos de emerxencia, deseñada para optimizar tempos de resposta, coordinación operativa e uso de recursos ante incidencias críticas. O xurado valorou especialmente a integración de distintos modos de usuario e a inclusión dunha aplicación móbil progresiva (PWA) dende a que a cidadanía podía reportar incidencias e recibir alertas, conectando directamente co sistema central.







