• ?
  • Rexistro

Exames finais do 2º cuadrimestre da ESA

A Circular 4/2019, da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, que regula as ensinanzas básicas de educación para persoas adultas nas modalidades presencial e a distancia, establece o carácter presencial das probas de avaliación que teñan lugar durante o curso.

Como consecuencia da situación sanitaria, a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa publicou unhas Instrucións con data de 27 de abril de 2020, indicando a necesidade de que os centros e o profesorado adapten o sistema de avaliación do alumnado e admítese a posibilidade de substituír as probas presenciais por probas telemáticas, e outras o xoves 28 de maio nas que prohibe a realización de probas presencias nos centros educativos.

Por tanto, en relación cos exames finais ordinarios da ESA a distancia, adóptanse as seguintes medidas:

  • Os exames finais correspondentes á avaliación ordinaria do 2º cuadrimestre da ESA terán lugar de forma telemática o día 19 de xuño a través da aula virtual destas ensinanzas. A duración máxima das probas de cada ámbito será de 60 minutos. A franxa horaria na que se desenvolverán os exames de cada materia figura no calendario anexo. Non é posible mover de data ou de hora os exames.
  • Dentro da aula virtual de cada ámbito ofrecerase máis información sobre o formato e sobre os contidos da proba ou probas de que constará o seu exame.
  • As probas telemáticas desenvolveranse a través da aula virtual. Para facelas será necesario empregar un ordenador con conexión a Internet. En caso de empregar un teléfono móbil ou unha tablet con conexión de datos, non se garantiza a ausencia de problemas.
  • O IES San Clemente non se fai responsable dos posibles problemas que xurdan durante a realización dos exames por causas alleas ao centro.
  • Durante o desenvolvemento da proba poderá solicitarse información ao alumno ou á alumna para verificar a súa identidade.
  • Durante o día 12 de xuño farase un simulacro de exame en cada un dos ámbitos. Soamente un exame por cada ámbito, que poderá realizar calquera alumno e alumna de xeito independente ao módulo no que se atope matriculado. Este exercicio non contará para nota, pero é importante facelo para coñecer o funcionamento da plataforma de exames e verificar que se dispón das capacidades técnicas para levalos a cabo. Darase máis información sobre o mesmo nas aulas virtuais respectivas.

A comezos de setembro terá lugar a convocatoria final extraordinaria. A data e horario, e o seu formato, decidirase posteriormente.

A dirección do IES San Clemente