O pasado mércores 8 de xullo os compoñentes do equipo “Tres días de gracia” recibiron o premio da 5ª edición do HPE CDS Tech Challenge. Este equipo estaba composto por Gonzalo Cordeiro Mourelle, alumno do IES San Clemente e os ex-alumnos Andrés Daparte Cabo e Ezequiel Soto Seoane, que ademais estiveron acompañados pola profesora Cristina París.
A entrega do premio foi realizada polos representantes da empresa CDS, a Hewlett Packard Enterprise Company, María Dolores Lamas Vázquez e Víctor Míguez.
Por primeira vez na historia do HPE CDS Tech Challenge o equipo ganador estaba formado por estudantes de Formación Profesional. A solución que presentaron consistiu nunha plataforma integral de xestión de Xemelgos Dixitais para vehículos de emerxencia, deseñada para optimizar tempos de resposta, coordinación operativa e uso de recursos ante incidencias críticas. O xurado valorou especialmente a integración de distintos modos de usuario e a inclusión dunha aplicación móbil progresiva (PWA) dende a que a cidadanía podía reportar incidencias e recibir alertas, conectando directamente co sistema central.






