Bases do concurso de deseño dun logotipo: “Galego: a nosa xanela ao mundo”

1 Obxecto do concurso

O IES San Clemente convoca un concurso para o deseño do logotipo oficial do proxecto Galego: a nosa xanela ao mundo, cuxa finalidade é promover o uso da lingua galega. O logotipo gañador será empregado en materiais promocionais, campañas e eventos relacionados co proxecto.

2 Participantes

Este concurso está dirixido ao alumnado do IES San Clemente. O alumnado poderá participar tanto de forma individual como grupal. Nos equipos, que estarán formados por dúas ou tres persoas, deberá indicarse unha persoa representante e todas as persoas compoñentes.

Cada persoa poderá enviar un máximo de dous logotipos (contando participación individual e grupal).

3 Requisitos do deseño

  • O logotipo será orixinal, inédito e de autoría persoal do alumnado participante. Non poderá incorporar marcas, debuxos, fotografías, tipografías ou outros materiais protexidos por dereitos de terceiros sen autorización ou licenza compatíbel. Se se emprega material de dominio público ou con licenza libre, deberá indicarse explicitamente.

  • Non se admitirán logotipos xerados total ou substancialmente mediante intelixencia artificial. A presentación da proposta implica implicitamente unha declaración responsábel de autoría supoñendo a falsidade da mesma a exclusión do concurso e, de ser o caso, a perda do premio.

  • Deberá representar visualmente os valores do proxecto “Galego: a nosa xanela ao mundo”: promoción da lingua galega, identidade cultural, modernidade e inclusión.

  • A proposta debe ser clara e adaptábel a diferentes tamaños e soportes (papelaría, web, material audiovisual, etc).

  • O deseño poderá incluír cores, mais tamén debe ser funcional en versión monocroma (branco e negro).

  • O formato de presentación será en ficheiro dixital: SVG, EPS, AI ou PDF vectorial.

4 Prazo de presentación

Os traballos deberán enviarse antes das 23:59 horas do 13 de novembro ao seguinte correo electrónico: edlg@iessanclemente.net, indicando no asunto “Concurso Logotipo Galego: a nosa xanela ao mundo”.

5 Documentación a presentar

  • Ficheiro co logotipo en formato dixital.

  • Un documento explicativo (máximo 200 palabras) onde se xustifique o deseño e a relación coa temática do concurso.

  • Nome completo e curso da/s persoa/s participante/s.

6 Criterios de valoración

O xurado valorará as propostas en base aos seguintes criterios:

  • Creatividade e orixinalidade: 30%

  • Adecuación aos valores e obxectivos do proxecto: 50%

  • Versatilidade para ser empregado en diferentes soportes: 20%

7 Xurado

O xurado estará composto por profesorado e PAS do equipo de dinamización da lingua galega do IES San Clemente. A súa decisión será inapelábel.

Co fin de garantir unha correcta valoración da calidade artística e da viabilidade técnica dos deseños, o xurado resérvase o dereito de recadar o asesoramento de profesorado especialista pertencente aos departamentos de Informática e/ou Artes plásticas do centro, que actuará en calidade de persoal asesor.

8 Premios

  • 1º Premio: Un vale de 100 € e a publicación do logotipo como imaxe oficial do proxecto Galego: a nosa xanela ao mundo.

  • Dous accésits: Dous vales de 30 €.

9 Ditame do xurado

Os resultados do concurso serán publicados na páxina web do IES San Clemente e comunicados ao alumnado gañador por correo electrónico.

10 Condicións xerais

A persoa ou equipo gañador autoriza ao IES San Clemente a reproducir, distribuír e comunicar publicamente o logotipo premiado unicamente para a súa incorporación en materiais promocionais, web e redes sociais do proxecto “Galego: a nosa xanela ao mundo” e do IES San Clemente. Calquera outro uso requirirá autorización expresa da/s persoa/s autora/s.