Informe dos dous ciclos plurilingües en portugués do IES San Clemente
Durante o presente ano escolar, finalizamos o cuarto ano do ciclo plurilingüe ASIR e iniciamos o quinto, cos módulos “Linguaxes de marcas e sistemas de xestión de información” e “Dixitalización aplicada ao sistema produtivo” impartidos integramente en portugués no grupo A e “Sustentabilidade aplicada ao sistema produtivo” nos grupos A e B.
Tamén concluímos o sétimo ano do ciclo plurilingüe SMR e iniciamos o oitavo, con cinco módulos impartidos na mesma lingua estranxeira: “Aplicacións ofimáticas”, “Sustentabilidade aplicada ao sistema produtivo”, “Servizos en rede”, “Dixitalización aplicada ao sistema produtivo” e “Afondamento nas competencias profesionais”.
Ademais, os tres grupos de 2º cursaron o módulo “Habilidades comunicativas en lingua estranxeira – Portugués”.
Nos seis grupos, traballamos en asociación con centros homólogos de Portugal, realizáronse mobilidades Erasmus+ e exames oficiais de certificación de Lingua Estranxeira. Continuou a utilizarse o portugués como lingua vehicular, nas explicacións do profesorado, nas interfaces das aplicacións, nos manuais redactados polo alumnado, etc. Tamén organizamos obradoiros de oralidade e preparación dos exames de certificación, dinamizados polo auxiliar de conversa Fabricio Bento.
Grande parte do alumnado continuará a súa formación no próximo ano. Estes son os resultados parciais a día de hoxe:
- 56 exames modelo (para adestramento) do CAPLE-FLUL en decembro, marzo e maio.
- 30 estudantes de FP realizaron (ou van realizar en xullo) o exame de certificación de nivel B1 ou B2 no CAPLE coa axuda económica da Consellaría de Educación ou do IES San Clemente. Pódese consultar aquí toda a información relativa a estas axudas. Resultados: previsiblemente en setembro.
- 30 realizaron o exame de certificación a través do Instituto Camões. Os resultados: certificados A1, A2 e B1.
- 17 mobilidades Erasmus+ para estudos e prácticas no Porto, Covilhã, Almada, Évora, Viana, Cacilhas e Braga.
- 4 mobilidades Erasmus+ para docentes en Cacilhas, Matosinhos, Évora e Gandra.
- Finalización do proxecto eTwinning GaliMinho 3.0 co AE Carlos Amarante de Braga.
- Reunión coas familias de 1SMR.
- Clases de reforzo voluntarias para a preparación dos exames de certificación.
- Outras actividades.
Varios alumnos de 1SMR e 1ASIR cos certificados do Camões Júnior
Informe dos dous ciclos plurilingües en inglés do IES San Clemente
Durante o presente ano escolar titulou a cuarta promoción do ciclo plurilingüe de Desenvolvemento de Aplicacións Web e a sexta promoción do ciclo plurilingüe de Desenvolvemento de Aplicacións Multiplataforma.
Este alumnado preparouse para poder comunicarse e desenvolver o seu futuro traballo na empresa non só en galego e castelán senón tamén en inglés, o cal lle abrirá moitas portas no mercado laboral.
Todos os grupos de 1º cursaron Inglés como módulo curricular.
Os ciclos de 2º cursaron por primeira vez o módulo “Habilidades comunicativas en lingua estranxeira – Inglés”.
O inglés foi o idioma principal de uso na aula, e contamos coa axuda de Demi Moro, a auxiliar de conversa dos Estados Unidos, que participou na maioría dos módulos presenciais.
O alumnado puido asistir a obradoiros de inglés dinamizados por Demi para traballar a oralidade de para preparar as probas oficiais de certificación da EOI e Oxford.
Ademais recibiron unha axuda económica da Consellería para conseguir unha certificación oficial en lingua inglesa:
- 8 certificados Oxford, niveis B1, B2 e C1.
- 4 certificados EOI. Probas pendente de realización.
Pódese consultar aquí toda a información relativa a estas axudas económicas.







