• ?
  • Rexistro

A costela de Adán. -conto matemáxico-Antom Labranha

Deixo un relato curto que nos achegou o profesor D. Antom Labranha co gallo do dia internacional da, s, muller,es
Algúns d@s profes, aficionados ao relato curto, vimos colaborando coa equipa de dinamización lingüística achegando algunha que outra narración breve, que se engade á publicación daquelas feitas polo alumnado (é que son pouc@s @s que se presentan e , desta meneira -nós fóra de concurso-, coas nosas vénse conseguindo un minilibriño dunhas 20 páxinas, que dá o xeito).
O ano pasado ficcionei sobre a creación do sistema de numeración base doce (a nosa ducia), proceso que sería equivalente para calquera outro sistema de numeración (en particular o decimal estándar). Ben, o caso é que tomei a Eva bíblica como xeneradora… tamén da matemática. En fin, que quizais veña ben divulgalo agora que estamos fronte a esta mobilización que vai ser “un gran paso para a humanidade”.
Son 300 palabras, xustas, tal como as bases establecen.

Dixéranlle que fora feita dunha costela de Adán. Materia ósea –pensou-, dura de roer. Despois falou con Deus, que fixera ao Adán con arxila, branda e maleable, á súa imaxe e semellanza. Porque non nos fixeches dun anaquiño de corazón? Desa maneira abondaría amar para sermos felices.

Chea de melancolía, Eva botou as mans a un lado do costelar e percorreu as costelas: Polgar, índice, medio, anular e maimiño… ía pousando ensimesmada os dedos da man, seguindo unha orde estrita. Sen levantalos do sitio continuou descendendo coa outra man: Polgar, índice, medio, anular e maimiño… Mantivo esta marcando os lugares, levantou a outra e buscou polo lombo as costelas que faltaban: Polgar, índice, concluíu. Estaba ben magriña, o que lle facilitou o recoñecemento. Repetiu no outro lado do corpo, con idéntico resultado. Deslizando as polpas dos dedos pola pel, sentía os sucos ondulantes que as costelas debuxaban no tórax do seu corpo. Percibiu que a cada costela da esquerda correspondía unha da dereita, nunha perfecta simetría. Esta harmonía reconfortouna e, sumida nela, reconciliouse co Creador.

Talvez non fose consciente, pero o Número acababa de nacer. Ninguén puido, nesa altura, imaxinar as consecuencias que para a humanidade había ter tal descubrimento.

Volveu cabo do Adán, que durmía profundamente, alleo a tanta tribulación. Coitado, mira que quitarlle unha costela! –compadeceuno-.  E no corpo del, Eva estreou o seu recente creado sistema de numeración. Sorpresa! Tiña doce costelas a cada lado.

Serán cabróns! -exclamou-. Vaia artimaña que nos montaron xuntos, homes e deuses, para facernos crer que éramos derivadas, secundarias, dependentes…

Entón decidiu comezar de novo a historia, a súa historia, e construírse a si propia. Sen prototipos, sen modelos. Pero non, non de arxila, que xa sabía que tal materia prima daba febles resultados, senón de po de estrelas: ceibe, lixeira, transparente…

Antom Labranha