• ?
  • Rexistro

A campaña ‘Coruña Wapa’, denunciada por ”sexista” e por excluír o galego

O BNG leva ao Parlamento unha pregunta oral dirixida á secretaria xeral de Igualdade a respeito de lemas como ‘Antes muerta que sencilla’. 

O Concello da Coruña volve estar no albo da oposición política e de organizacións en defensa da lingua polos seus ataques ao galego e, desta volta, á equidade de xénero.

O goberno local financia con 180.000 euros a segunda edición do evento de moda ‘Coruña Wapa’, que se publicita con muppis e valos de publicidade con lemas sexistas como “Antes muerta que sencilla” ou “La belleza está en el interior del vestidor”, escritos en español e asinados coa forma ilegal do topónimo: “Ayuntamiento de La Coruña”.

Ao Parlamento por ”sexismo”…

Perante esta campaña, o grupo municipal do BNG presentou unha denuncia formal perante a secretaria xeral de Igualdade exixindo a retirada das publicidades, cualificadas pola edila Avia Beira de “inadmisíveis” por fomentaren “a imaxe dunha muller obxecto e submisa”.

Aliás, a formación frontista anunciou tamén que presentará no Parlamento galego unha pregunta oral dirixida á propia secretaria xeral, Susana López Abella. “Terá que explicar” o que vai facer a Xunta con esta campaña, sinalou o grupo parlamentar do Bloque, aseverando que tamén na Cámara galega reclamarán a súa retirada a través desta pregunta oral que formulará a deputada Carme Adán.