• ?
  • Rexistro

Agradecemento e fin

OBRADOIRO DE IGUALDADE A pesares da pouca incidencia que tivo na vida do IES este anaco da páxina, querería facer fincapé na necesidade da mesma e tamén despedirme a sabendas de que moi probablemente parte da culpa da pouca incidencia nas vidas da comunidade educativa, viñera dada pola pouca importancia que se lle da a estes temas, aínda hoxe, no mundo no que vivimos. Ás veces xa consideramos “normal” ou normativizado, o feito da “desigualdade” sexa cal sexa a mesma e por outra banda a pouca incidencia que ten, afortunadamente, nas nosas vidas cotiás, fai que se normativice tamén a inexistencia dese problema. En definitiva, que se nos mesm@s non lle damos importancia a medrar e superar problemas sociais, humanos coma este, dificilmente lle poderemos transmitir ao noso alumnado inquedanzas semellantes, sexan ou non presenciais; o de menos é que o sexan, é a nosa actitude ante determinadas cuestións, dentro e fóra da Aula, aínda que esta sexa Virtual, a que o noso alumnado percibe como “norma” a seguir, sobre todo cando menos formado estea; o noso alumnado é adulto e por iso, ás veces, podemos chegar a pensar que non precisa de actitudes e coñecementos que, lonxe de ser inútiles, son os máis necesarios para a vida cotiá, para a vida coma persoas, en definitiva, para A VIDA. Grazas a aquelas persoas que puntualmente leron algunha das novas ou documentos que eu, tamén puntualmente, colguei nesta páxina ou obradoiro, a sensibilidade dalgún do noso alumnado medrou, e con iso síntome máis que pagada.O Curso que remata non é máis que o comezo, estou segura, dunha vida máis xusta, equitativa, democrática futura na que todas e cada unha das persoas temos unha misión importante que cumprir e moito que aprender unhas doutras. Moitas grazas pola vosa atención. Guillermina Dominguez Touriño