• ?
  • Rexistro

8 permisos de paternidade por cada 10 de maternidade

A Seguridade Social investiu máis de 1.800 millóns de euros no pago da prestación por maternidade e 212 millóns de euros á de paternidade en 2008. Durante o pasado ano, a taxa de pais que solicitaran o permiso de paternidade, en relación coa cifra de nais que gozaron da baixa por maternidade, alcanzaba xa o 77,9 por cento.

En 2008, a Seguridade Social xestionou 359.160 prestacións económicas por maternidade, un 8,30 por cento máis que no mesmo período do ano anterior. Este dato inclúe tanto a prestación por maternidade gozada integramente pola nai como os casos en que a nai, unha vez transcorridas as primeiras seis semanas de descanso obrigatorio, cede as 10 restantes ao pai. Do conxunto de prestacións recoñecidas, só 5.575 son prestacións por maternidade percibidas polo pai. En 2008, do total de mulleres afiliadas á Seguridade Social, o 4,4 por cento percibiu a prestación por maternidade.

Desde marzo de 2007, os pais traballadores teñen dereito ademais a un permiso por paternidade independente do da nai e compatible coa percepción da prestación por maternidade, cando a nai lle cede o dereito. O total de procesos por paternidade independentes foi de 279.756, cun custo de máis de 212 millóns de euros. Teñen unha duración de 15 días, aos que se suman dous máis a partir do segundo fillo ou filla en partos múltiples. A contía é equivalente ao total do salario percibido.

Así mesmo, o pai pode optar por gozar do tempo de permiso cedido pola nai ao mesmo tempo que ela ou ben facelo a continuación. A Lei contempla tamén a posibilidade de gozar a tempo parcial do permiso, fóra das seis primeiras semanas que son de descanso obrigatorio para a nai. En caso de falecemento da nai, o dereito a estas seis semanas pódeo solicitar o pai.

A contía da prestación por maternidade, tanto se a percibe integramente a nai coma se compártea co pai, é do cento por cento do salario durante as 16 semanas de permiso. Son ampliables, en caso de parto múltiple, en dúas semanas máis por cada filla ou fillo a partir do segundo.

Datos por comunidades

As comunidades autónomas que máis permisos por maternidade recibiron son, nesta orde, Andalucía (65.205), Cataluña (64.374) e Madrid (59.022). En canto a permisos por paternidade, o maior número de procesos corresponde a Cataluña (52.778), Andalucía (45.290), Madrid (44.553) e a C. Valenciana (29.478). Ceuta e Melilla son as que rexistraron menos subsidios por paternidade, 290 e 258, respectivamente.

Onde máis homes solicitaron o permiso de paternidade en relación ao número de mulleres que pediron o de maternidade son A Rioxa, Aragón, Castela-León, e Castela-A Mancha, en todas cunha proporción superior ao 85 por cento.

Excedencia por coidados

Pódese solicitar unha excedencia para atender ao coidado de fillo, filla ou menor acollida ou acollido, ou para o coidado doutros familiares. Neste caso, a duración do período considerado de cotización efectiva dependerá dos supostos contemplados na Lei Xeral da Seguridade Social, modificada coa entrada en vigor da Lei de Igualdade que ampliou o alcance e duración desta prestación.

Até o 31 de decembro, o número de excedencias por coidado de fillos ou familiares ascende a 32.038 (29.561 mulleres e 2.477 homes); en 2006, a cifra alcanzou as 35.205 excedencias (33.388 mulleres e 1.817 homes); en 2007 incrementouse até 40.237 (37.910 mulleres e 2.327 homes).