• ?
  • Rexistro

EVOLUCIÓN DA MULLER ESPAÑOLA NOS ÚLTIMOS 25 AÑOS

PEDRO SIMÓN | AXENCIAS
MADRID.- España ocupa o quinto lugar no ranking de países europeos con maior representación parlamentaria de mulleres. Ademais, a ocupación das mulleres españolas duplicouse nos últimos 25 anos e máis do 80% dos pais está a acollerse ao permiso de paternidade, aínda que a corresponsabilidade segue sendo a gran materia pendente.

Éstos son algúns dos datos máis destacados do estudo As mulleres en cifras 1983-2008, que presentaron o luns a secretaria xeral de Políticas de Igualdade, Isabel Martínez, e a directora xeral do Instituto da Muller, Rosa María Peris.

O informe, presentado no Instituto da Muller de Madrid para celebrar o 25 aniversario deste organismo, ofrece datos sobre emprego, educación, participación política, ámbitos económicos e culturais e violencia de xénero.

A pesar da elevada cifra de homes acollidos ao permiso de paternidade, que supera mesmo as previsións do Goberno, segundo recoñeceu Martínez, as mulleres seguen dedicando case o triplo de tempo a tarefas domésticas respecto dos homes. Éstos dedican menos tempo agora que en 1993, é dicir, dúas horas e vinte minutos na actualidade (con datos de 2006), fronte ás dúas horas e media que destinaban entón.

A participación dos homes en responsabilidades domésticas e no coidado de familiares segue sendo unha das materias pendentes do Goberno, segundo a secretaria xeral de Políticas de Igualdade, para quen algúns datos seguen sendo demoledores en canto á situación da muller, quen no entanto mellorou moito o seu panorama laboral, social e político nos últimos anos.

Os salarios seguen sendo máis baixos
Un dos principais cambios nestes anos é a masiva incorporación de mulleres ao mercado de traballo. Dos catro millóns de mulleres que formaban parte da produción activa en 1982 pasouse a máis de nove millóns e medio na actualidade.

En comparación con Europa, España sitúase actualmente apenas dous puntos por baixo da media comunitaria, cando en 1999 era de 12,5 puntos.

Con todo, o paro feminino segue sendo máis elevado que o masculino, xa que as mulleres paradas supoñen cerca do 54,4%. O diferencial entre a taxa de desemprego masculino e feminino era de case 13 puntos a principios dos anos 90 e agora reduciuse a uns dous puntos.

En canto á brecha salarial media entre mulleres e homes, en 2006 era do 26,3%, aínda que cunha clara tendencia á diminución na última década: 32,8% en 1995, 28,9% en 2002 e 27,5% en 2005.

Doutra banda, o número de empresarias creceu un 37% en termos absolutos entre 2000 e 2007 e a porcentaxe de mulleres no conxunto de traballadores por conta propia supera o 31%, que baixa ao 24,2% no caso de empresarias con persoal asalariado ao seu cargo.

Polo que respecta ao traballo a tempo parcial, as mulleres son clara maioría (o 80,4%), fundamentalmente pola falta de corresponsabilidade familiar co home, xa que case o 100% das que coidan nenos, persoas enfermas, incapacitadas ou maiores son mulleres.

Fonte :Red Feminista Trad. G.D.T.