Unha cociña con realidade aumentada?
Wikipedia define realidade aumentada
como a visión directa ou indirecta dun ámbito físico no mundo
real, onde os seus elementos se combinan con elementos virtuais para
a creación dunha realidade mixta a tempo real.
Supoñamos que facemos unha viaxe a
París, por suposto dirixímonos a ver a Torre Eiffel, apuntamos o
noso iPhone cara ela e arredor da súa imaxe vemos etiquetas cos seus
datos: altura, data de construción ou canto pesa. Un teléfono
intelixente con GPS, cámara de fotos e compás dixital é todo o
hardware que precisamos. Aínda que temos outras posibilidades
para converternos no xefe John Anderton (papel de Tom Cruise en
Minority Report) como son pantallas táctiles transparentes, gafas
especiais, ou mesmo lentes de contacto nalgún futuro non distante.
Un exemplo próximo é a empresa
compostelá “signo-ingeniería del territorio” que traballa con
RA e que xeorreferenciou máis de 500 puntos de interese no camiño
de Santiago. Utilizando unha aplicación chamada Layar pon a
disposición do usuario datos sobre núcleos de poboación,
patrimonio ou hostalaría a través do seu móbil (Android ou
iPhone).
Se dispoñemos dun móbil axeitado
tamén podemos probar Wikitude, unha aplicación que nos permitirá
mostrar sobre a realidade que nos rodea información correspondente a
wikipedia para ese lugar.
Non sabemos como será a nosa cociña a
través da realidade aumentada, pero aquí podemos ver a idea dunha
que ten Keiichi Matsuda(estudante dunha escola de arquitectura
inglesa) a través dun fantástico curto.







