A cidade
O nacemento de Santiago como se coñece está ligado á descuberta dos restos do Apóstolo Santiago entre os anos 820 e 835, á elevación do rango relixioso dos restos, á Universidade e na actualidade á capitalidade de Galicia.
A principios do século IX, nun bosque chamado Libredón, encontráronse os posibles restos do Apóstolo Santiago, "o Maior". Pouco tempo despois do descubrimento da Tumba, a sé episcopal asentada en Iria Flavia (Padrón) trasladouse a Compostela. O achado do Sepulcro foi a base sobre a que se cimentou a cidade.
Durante o século X a pequena vila comeza a consolidarse como un emerxente centro demográfico, administrativo e de intercambio. Nos séculos posteriores, XI e XII, prodúcese un importante desenvolvemento urbanístico. Desde estes séculos ata finais do XVIII a cidade-santuario foi escollida como lugar de residencia da nobreza e das principais ordes relixiosas, converténdose no centro de peregrinación máis importante de occidente.
A principios do século XVI créase a Universidade, patrocinada polo forte poder eclesiástico. Neste século a reforma protestante e a peste que azouta Europa debilitan non só as peregrinacións senón tamén o desenvolvemento da cidade. No século XVIII a actividade económica inicia un traslado progresivo cara ao litoral atlántico. Desde esta época ata o século XX as actividades máis importantes de Santiago son a universitaria, a relixiosa e a sanitaria.
A partir dos anos 60, grazas ao incremento considerable da poboación estudantil e á creación do Hospital Xeral de Galicia, a cidade comeza a recuperar a súa antiga prosperidade. Anos máis tarde convértese en capital política e administrativa da Comunidade Autonómica de Galicia. Unha vez iniciado este rexurdir e ata os nosos días, nos albores do século XXI, Compostela emerxe como centro cultural de Galicia. No ámbito urbanístico ademais de coidar a súa fascinante zona vella, a cidade xa conta cunha infraestrutura e arquitectura propias de calquera capital europea.
O camiño foi recoñecido polo Consello de Europa como "Primeiro Itinerario Cultural Europeo". No ano 1993 a ruta xacobea foi distinguida pola UNESCO co título de Patrimonio Cultural da Humanidade








